Monday 29 de April de 2024

O contratenor Carlos Mena, unha das voces con maior proxección internacional, será o novo director artístico do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia


Mena contará co galego Javier Fajardo, responsable do Coro da Universidade de Valladolid, como director musical asociado

A xunta de goberno do Consorcio para a Promoción da Música confirmou, ademais, a continuidade de José Trigueros como director asociado da OSG por catro anos máis

A xunta de goberno do Consorcio para a Promoción da Música (CPM), reunida hoxe no Pazo Municipal de María Pita, acordou o nomeamento do contratenor e director de orquestra Carlos Mena (Vitoria-Gasteiz, 1971) como novo director artístico do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) para os vindeiros catro anos. Mena, unha das voces españolas cunha maior proxección internacional, formouse na prestixiosa Schola Cantorum Basiliensis (SCB) de Basilea (Suíza) baixo a dirección dos mestres Richard Levitt e Renne Jacobs. Agora, será o encargado de poñer en marcha un ambicioso programa de mellora técnica e solvencia musical na agrupación coral da OSG.

“Mena é un gran contratenor e un excelente director de orquestra, e o seu perfil é idóneo para os proxectos inmediatos de futuro do Coro, polo seu mesmo coñecemento”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

O artista vitoriano contará, ademais, co galego Javier Fajardo, responsable do Coro da Universidade de Valladolid, como director musical asociado.

Por outra banda, o Consorcio para a Promoción da Música quixo recoñecer o traballo de Joan Company como creador e director do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia nomeándoo director honorario, “polas súas inestimables achegas e como incuestionable profesional no eido da dirección”.

José Trigueros será o director asociado da Orquestra Sinfónica de Galicia por catro anos máis

Ademais, na súa última reunión, o Consorcio para a Promoción da Música confirmou a José Trigueros, director asociado da Orquestra Sinfónica de Galicia desde a tempada 2019-20, por catro anos máis, aprobando os contidos da nova programación do conxunto orquestral de cara a tempada 2022-23. Presentarase ao público no vindeiro mes de maio. Trigueros, formado nos conservatorios de Valencia e Ámsterdam na especialidade de percusión, comezou os seus estudos de dirección de orquestra da man do mestre Bruno Aprea e, posteriormente, ampliounos no Conservatorio de Bruxelas con Patrick Davin.